26 Febreiro
Hoxe, no contacontos, mergullámonos con Alicia no país das marabillas.
Cayetana e Candela (5º) deleitáronnos hoxe co peculiar e
estraño mundo descrito por Lewis Carrol para fotografar á sociedade inglesa da súa época. "Alicia no país das marabillas", xunto con "O Principiño", do escritor e aviador francés Antoine-de-Exupéry, seguen sendo as dúas obras da Biblioteca que máis expectación espertan entre os clásicos escritos como crítica ao mundo de adultos da súa época.
En ambas, os seus autores poñen en cuestión as normas, prexuízos e comportamento da sociedade que lles tocou vivir axudándose da candidez, a inocencia e a sinxeleza dos seus protagonistas.
Podería dicirse que son dúas "obras para adultos" polo seu carácter crítico, pero excelentes para ser lidas polo " público infantil" que se ve fortemente atraído polo fantástico mundo no que un "Principiño" ou unha nena chamada "Alicia" (que non levaba moi ben iso de estar sen facer nada e sufre coa monotonía), viven mil aventuras nunha sorprendente contorna no que os obxectos e os animais posúen o poder de falar e actuar.
Esta forte atracción, quedou patente unha vez máis, hoxe, no silencio e a atención reinante na sala mentres Candela e Cayetana poñían voz a todos os seres fantásticos que rodeaban a Alicia ao longo da súa aventura!
Parabéns Candela e Cayetana!
Esperamos vervos e escoitarvos pronto con outro fantástico conto!!
E a todos e todas os que hoxe tiñades algún compromiso ineludible que vos impediu disfrutar esta divertida sesión, lembrámosvos que tedes esta obra dispoñible na Biblioteca. Convidámosvos a lela!
No hay comentarios:
Publicar un comentario