viernes, 25 de noviembre de 2022

25 de Novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Bos días a tods,

Desde a biblio do Chouzo preparamos un pequeno espazo de consulta conmemorando o 25 de novembro Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Xa sabedes que desde o espazo de biblioteca queremos crear unha comunidade tolerante, respectuosa e comprometida.

Tanto familias como profes podedes achegarvos ao longo destes días a biblio, atoparedes libros que son interesantes para os máis pequenos/as e para os maiores do cole e que son ferramentas fermosisimas para que xuntos/as poídamos construír unha sociedade mellor. 






Vémonos pronto na biblioteca,

Esperámosvos.





miércoles, 2 de noviembre de 2022

Benvidos/as!!

As próximas semanas arrincamos as actividades da biblioteca!

Así pois, no rechundo da biblioteca poderás apuntarte para participar na que queiras. Este ano recuperamos os clubs de lectura e ademais temos varias actividades novas: xadrez, "Nas Ondas" e taller de escritura.







A través de todas estas actividades desde o equipo de biblio pretendemos que o noso espazo sexa un lugar multidisciplinar, onde cada un dos nosos alumnos/as poida dar renda solta ás súas capacidades e intereses da maneira máis motivadora. 

Vémonos pronto na biblio!

Un saúdo,

Leolo

sábado, 9 de julio de 2022

 CHEGA O VERÁN!!

E con el, o tempo libre, os momentos de descanso sen nada que facer, as interminables horas de espera en plataformas ou aeroportos para quen viaxa...

Múltiples oportunidades para alimentar a mente, o corazón, o espírito...
Como?
Cunha lectura adecuada: entretida, didáctica, creativa... ao gusto do consumidor e á necesidade do momento no que se atopa.
Como é habitual, aquí vos deixamos algunhas suxerencias
Somos conscientes de que os vosos gustos son moi diversos
e non podemos abarcalos todos en catro liñas, pero... 
tomade estes títulos só como unha idea e desenvolvedea nas
moitas bibliotecas públicas que atoparedes en todas as

cidades e vilas polas que pasedes. Ou nas súas librarías, 
onde, ademais, poderedes facervos con algún exemplar da
literatura local, o que vos axudará a enriquecer

a vosa cultura e a vosa formación lectora.
O Equipo da Biblioteca deséxalle a toda a 
Comunidade Educativa do centro un moi 
Feliz verán. 
Feliz descanso!


 O Club de Lectura de 5º A fai a súa derradeira reunión.

Os ávidos lectores do Club de Lectura de 5º A, elixiron para as súa última sesión a tenra, divertida e orixinal obra de Jordi Sierra i Fabra: Querido hijo estás despedido.


A lectura levoulles a un divertida pero interesante reflexión sobre as concesións que os pais inician facendo aos fillos e, estes, acaban, co tempo, entendendo que son as súas obrigacións. Por exemplo: A nai comeza recollendo a roupa do chan e, co paso do tempo, o fillo, afeito a iso, acaba entendendo que é a súa obrigación facelo. Os reproches buscan corrixir os seus erros. Pero a súa desobediencia non ten nunca consecuencias e, co tempo, o fillo entende que son só unha cuestión puntual de enfado polo que non fai nada por cambiar…

Pero… Pode unha nai despedir ao seu fillo?

Esta pregunta dividiu aos membros do Club de Lectura e deu lugar a un debate moi divertido. Aínda que a algún dos membros, a nai do protagonista pareceulle unha nai moi cruel, a outros, menos alleos ao problema que Miguel supón para a súa nai, o despedimento pareceulles unha medida moi xusta.

Naturalmente, todos os membros do Club recoñecéronse fillos perfectos, pero iso non lles impediu recoñecer que debía haber algunha lei que defendese ás nais dos abusos dos irmáns maiores adolescentes que converten a súa habitación no seu “reino” e a casa nunha extensión do seu reinado no que a orde, a limpeza e a obediencia, son prescindibles e de aí a súa ausencia.

A súa conclusión final foi moi reveladora: Os pais son para querelos e o fogar só é fogar se todos sumamos de modo divertido a nosa colaboración para mantelo limpo, ordenado e "¡visitable!", por se aparece algunha visita inesperada...    Je, je...


FELIZ VERÁN, CAMPEÓNS!!

RODEÁDEVOS DE MOI BOAS LECTURAS E VÉMONOS O  PRÓXIMO CURSO!!!

Último encontro co Club de Lectura de 3º B


Con ilusión por reencontrarse unha vez máis, pero coa sombra de tristeza que cobre unha despedida, os membros do Club de Lectura de 3º B reuníronse para a súa última posta en común.

O Club, elixiu como última lectura un exemplar da serie de Isaac  Palmiola: "Perrock Holmes y el fantasma de la mala leche". 

Pasaron un intre entretido coa súa lectura. E, a pésima relación entre os dous investigadores protagonistas, deunos pé para analizar as relacións reais que os membros do Club manteñen cos seus irmáns: reflexionaron sobre os aspectos positivos e os menos positivos de ter irmáns maiores e, mesmo, confesaron algunha travesura que aquí non podemos desvelar.

A conclusión é que: os irmáns son os cómplices perfectos para as travesuras, os mellores amigos que che acompañarán toda a vida , e , quen mellor te coñecen debido a que compartiron os teus desgustos e alegrías desde a túa infancia. Por iso, merécense todo o agarimo e o perdón do mundo aínda que, en ocasións, sintamos desexos de “envialos moi lonxe” para ter un pouco de paz.


Ademais, na súa derradeira sesión:

Como colofón do súa breve pero intensa aventura como Club de Lectura, quixeron deixar reflectida nun mural, unha pequena sinopse das sabias mensaxes que as lecturas elixidas transmitíranlles.

Desde o sabio consello;  Enche as páxinas do libro da túa vida con paixón… dando o mellor de ti mesmo ", (do libro: A mensaxe dos paxaros), á sabia advertencia:  "Non escoites a voz da vaidade. Se humilde", (do libro  “Rita e os ladróns de tumbas”: .



FELIZ VERÁN, 
ACOMPAÑADOS DE MOI SABIAS LECTURAS 
E VÉMONOS O PRÓXIMO CURSO, CAMPEÓNS

martes, 21 de junio de 2022

A derradeira obra lida polos membos de lectura de 5ºA: “ El libro del bullying"

 

    Os membros do Club de Lectura de 5º A de Primaria estiveron moi ocupados!
    A derradeira obra lida: “ El libro del bullying”, de Eric Kahn Gale, achegounos á deplorable experiencia que o autor confesa ter sufrido como acosado cando tiña 11 anos.
    Tras unha primeira análise dos motivos que poden levar a un rapaz a ser acosador, tamén se analizaron as calidades que o acosador observa na persoa acosada para elixilo como tal. Isto é importante porque: coñecer as causas que levan ao "acosador" ao acoso, é coñecer os seus puntos débiles, as súas carencias, e isto axúdanos a descubrir como ser fortes ante el ou evitalo, deixando así de ser a súa vítima ideal.

    En moitas ocasións, o bullying orixínase pola insatisfacción ou frustración do acosador, noutras é só a repetición da humillación ou maltrato que el mesmo está a sufrir por parte doutros individuos superiores a el. No peor dos casos, xorde da alienación, do aburrimento.


    En todo caso, non só abonda con avisar á persoa acosada para que alerte da súa situación comunicándoo inmediatamente á súa familia e profesorado, é importante tamén proporcionarlle "instrumentos" que lle axuden a evitala.

    O problema do bullying seguirá existindo mentres haxa individuos que non saiban xestionar as súas frustracións ou medos e mentres haxa individuos que crean que todo serve para vencer o aburrimento.

    O acosador pode cambiar de vítimas. Pode a sociedade cambiar o acosador?

    É misión de todos. Por iso, os membros do Club de Lectura puxeron o seu grano de area e sumáronse á proposta de concienciación contra o bullying escolar elaborando un cartel de apoio cunha mensaxe moi clara:


jueves, 9 de junio de 2022

“El libro que te explica todo sobre los padres”


    Os membros do Club de Lectura de 3º B, descubrimos para que serven os pais!!
Esta é a nova lectura de Françoize Boucher que nos tivo entretidos nas últimas sesións: “El libro que te explica todo sobre los padres”.


    E é que, aínda que todos temos claro que os nosos pais nos proporcionan comida, abrigo, seguridade... ás veces non entendemos por que se esforzan tanto en que aprendamos cousas na escola, sexamos educados, escoitemos os seus consellos para obedecelos sempre.

    Non somos conscientes de que teñen encomendada unha misión. A misión máis difícil e importante do mundo.

Cal?

    Facer todo o posible para que sexamos o máis felices posible todos os días.

    Unha misión moi especial na que non poden fallar! Por iso, é importante que non os boicoteemos con caprichos, facéndolla aínda máis difícil. Aínda cando, ás veces, che pidan unha cousa e fagan a contraria!

    Para levalo a cabo precisan da nosa absoluta colaboración. E, como “colaboradores”, non debemos dicirlles mentiras, porque necesitan confiar en nós; non debemos levalos ao extremo de inventar terribles ameazas para que actuemos correctamente, porque do que se trata é da nosa propia educación, polo que hai que facer o correcto de boa gana; hai que falar con eles, preguntarlles, opinar e explicar como nos sentimos cada día, con cada nova situación... porque a comunicación é a base esencial para unha “colaboración” óptima.

    Mesmo naquelas ocasións nas que nos sentimos mal ou cremos que merecemos un castigo, debemos expresar as nosas razóns e as nosas opinións porque nunca debemos esquecer que, como nos di a autora, os pais só valen para unha cousa: querernos con todo o corazón!

    O libro é tan ameno que o devoramos nun segundo. Comentalo foi tan divertido que nos levou un pouco mais. E sobre todo, nos fixo reflexionar sobre o importante que é non esquecer que somos colaboradores imprescindibles da la labor dos nosos pais: a nosa educación.


Parabéns equipo!

jueves, 2 de junio de 2022

O Club de Lectura de 3º B mergullouse nunha das civilizacións máis importantes da Antigüidade: Exipto.


Coa súa nova lectura: "Rita y los ladrones de tumbas", de Mikel Valverde, aproveitaron a mención de feitos e personaxes reais da obra (escavacións no oasis de Farafra, o profesor Hawas...), para afondar no tema e atopar que o famoso profesor Hawas (tío do protagonista) existe realmente e é o inminente exiptólogo que en abril de 2021 atopou "A Cidade Perdida" totalmente escondida na area, (o 2º descubrimento máis importante despois do descubrimento da tumba de Tutankamón). Tamén aprenderon algúns aspectos da vida en Exipto. Sobre o seu modo de vida, a súa notable economía grazas as inundacións do río Nilo, as súas crenzas, a súa contribución ao desenvolvemento da civilización (instrumentos agrícolas, regadío, coñecementos de astronomía, calendario no que se basea o actual, escritura, papiro), a súa espectacular arte e arquitectura (pirámides...) e tamén aspectos curiosos da súa vida cotiá.


O grupo converteuse nun equipo de expertos exiptólogos despois de ter que realizar as súas propias escavacións, descifrar as mensaxes en linguaxe xeroglífica, revelar os segredos encerrados durante séculos no gran sarcófago, e mesmo pasar un test de exiptólogo, para obter as claves que lles permitían acceder ao nivel máis profundo da pirámide no que, custodiadas por chaves case indescifrables, se atopaban as xoias do faraón!

Conseguírono, porque souberon traballar en equipo!!





Parabéns Equipo!


jueves, 19 de mayo de 2022

Que teño que levar na mochila se fago o camiño de santiago??

 Os compañeiros e compañeiras de Educación Infantil do noso colexio, traballaron conxuntamente, e decidiron que sería o que levarían na mochila se fixeran o camiño de Santiago:











Amigos e amigas, grazas polas recomendacións, agora xa sei o que teño que meter na miña mochila de peregrino.



Un saúdo.                                                                                                        O voso amigo Leolo.

jueves, 5 de mayo de 2022

Xa temos a solución dun novo reto

 

Solución ao 4º reto de EP:


    Parabén a todos os peregrinos e peregrinas virtuais do colexio, pois con seguridade todos atopastes a solución correcta deste cuarto reto!!

  • A resposta á 1ª pregunta:

Cando dicimos que un ano é Ano Santo ou Ano Xacobeo?


    Dicimos que un ano é Ano Santo ou Ano Xacobeo, cando o día da festividade de Santiago Apóstolo, (25 de Xullo), que é o patrón de España, (é dicir, o seu protector), coincide en domingo. E, en efecto, o 25 de Xullo do ano 2021 coincidiu en domingo. Por iso declarouse Ano Santo. Aínda que, nesta ocasión, debido a que a pandemia impediu aos peregrinos participar en todos os actos que corresponden a un ano tan especial, decidiuse prorrogar a calidade de Ano Santo ata o 2022.


  

     Esta coincidencia, (que o 25 de Xullo sexa domingo), ten lugar cada 5, 6 ou 11 anos (debido aos anos bisiestos).

    Por tanto, se non puidemos facer o Camiño este ano, e desexamos facelo nun ano santo, teremos que esperar ata o 2027 que volverá ser Ano Santo, Ano Xacobeo ou Ano Xubilar.

    Ánimo e a ir moldeando as botas se é o voso desexo!!



  •  A resposta á 2ª pregunta:

    Quen foi o primeiro peregrino en visitar o sepulcro do apóstolo Santiago e que nome recibiu o camiño que realizou?

    O primeiro peregrino foi o rei de Asturias Alfonso II, quen a comezos do s. IX, tendo noticia do achado do sepulcro, desprazouse desde Oviedo ata Santiago de Compostela para confirmar que os restos eran realmente os do apóstolo.



    Hoxe existen outros 5 roteiros importantes ( Camiño Inglés, Camiño do Norte, Camiño Francés (o mais transitado), Vía da Prata (o mais longo) e Camiño Portugués. Pero, por lóxica:
    Por ser o primeiro roteiro realizado, “o primeiro Camiño” á cidade santa, denomínase “Camiño Primitivo”.




    Hoxe, polo seu trazado e o seu valor histórico segue sendo o roteiro elixido por peregrinos astures e europeos que entran polo norte. E desde 2015, xunto co Camiño do Norte, foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade.



    Ánimo e … ata o próximo reto!


                                                                                                                O voso amigo Leolo.


jueves, 28 de abril de 2022

En 5º A de Educación Primaria tamén temos club de lectura!

     Esta semana os membros do Club de Lectura de 5ºA, gozaron poñendo en común as súas opinións sobre unha obra de Mónica Rodríguez:  La bicicleta de Selva. Unha nena moi especial que deixou unha gran pegada no narrador da historia. Con ela, fainos reflexionar sobre a vantaxe que as cousas antigas posúen sobre as novas. As cousas antigas contan unha historia que as cousas novas aínda non posúen. Convídanos a “coñecer” mellor aos nosos maiores escoitando as súas aventuras e as anécdotas da súa infancia. A través da solución que acha Selva para axudar ao seu avó, descóbrenos o gran valor das palabras. Unha soa palabra pode conmovernos, animarnos, decepcionarnos… Anímanos a ler. Móstranos o poder da imaxinación e o respecto por outras culturas…

    Gozamos dunha sesión moi divertida que comezou coa aparición sorpresa dunha “bicicleta” que,  ademais dos tornillos, o lazo ou o tebeo que portaba a da protagonista, achegounos no seu  chapeu de palla os seus desexos, algunhas mensaxes e un toque de misterio.

   

     Este libro tan bonito tamén o podedes a topar na nosa biblioteca.                                    

    Espérovos!


                                                                                                    O voso amigo Leolo.

jueves, 21 de abril de 2022

Temos club de lectura!

    Neste 2º trimestre, os lectores expertos de 3º B crearon o seu propio Club de Lectura. Comezaron con “A mensaxe dos paxaros”, de Joan Manuel Gisbert. 

    Un fermoso traballo que brinda, a través da súa aventura, a oportunidade de reflexionar sobre as diferentes calidades que caracterizan a cada ser humano e que o levan a tomar decisións máis ou menos correctas ou máis ou menos interesadas, segundo as cualidades que nel predominen.

  Ao longo das primeiras sesións, os membros do Club, emulando ao xeneroso Rei Gracián, tiveron que descubrir as mensaxes que portaban o estorniño, o petirroxo e o xemelgo, cuxos niños foron aparacendo aos poucos nos lugares mais inesperados da Biblioteca. 

E, ao seu pesar, tiveron que deixalos marchar, seguindo o exemplo do rei, para poder atopalos de novo en posesión da súa mensaxe final. 


     Na historia, o rei descobre que estes paxaros son paxaros especiais que levan a antiga mensaxe do segredo da vida: o ser humano é capaz de realizar os actos máis fermosos, tanto intelectual como físicamente. 

Haberá que esperar á última sesión para coñecer a mensaxe que os tres paxaros gardan para os valentes membros do Club de Lectura. 






 


Este libro o podedes atopar na biblioteca!!

Un saúdo, o voso amigo Leolo!!


jueves, 24 de marzo de 2022

 Ola queridos amigos e amigas!

Que tal foi a procura de información para resolver o reto?

Como podedes apreciar, na foto hai 24 anciáns sentados nunha especie de sofá, dialogan entre si, visten túnicas e sobre as súas cabezas levan unha coroa de ouro. Nas súas mans sosteñen instrumentos musicais: 14 fídulas de varios tipos, 4 salterios, dúas arpas e un     "organistrum" que sosteñen os dous anciáns centrais sobre os seus xeonllos.


Que bonita é a catedral de Santiago! A que si?


Mañá xa tedes novo reto!

Un saúdo!

                                                                                                Leolo.