miércoles, 24 de junio de 2020


22 Xuño

"Coñezo Galicia". Un Proxecto para coñecer e descubrir a grandeza da nosa Terra. 


Agora que o curso chega ao seu fin, é cando o noso Proxecto: "Coñezo Galicia" debe dar os seus frutos

Non esquezades mirar con outros ollos ao rededor cando saiades á rúa, cando deades un paseo, cando vaiades de visita a outro pobo, cando gocedes duns días de descanso en calquera lugar da xeografía galega, porque, se unha cousa quedounos clara co proxecto, é que en calquera recuncho, en calquera momento nunha beirarrúa, no muro dunha sinxela casa, no valado dun xardín ou horta, nun cruzamento de camiños, no terreo adxacente á estrada ou camiño polo que os nosos pasos discorran, poderemos atoparnos un importante elemento patrimonial, que, clasificado ou non como "BIC" (Ben de Interés Cultural), ou figure ou non na listaxe do "Patrimonio da Humanidade" da Unesco, será sen dúbida un elemento distintivo da fortaleza, enxeño, fe, pensamento, unión e cultura dos nosos antepasados de quen debemos sentirnos sempre moi orgullosos. Un pobo que non se sente orgulloso do seu pasado, renega da parte máis importante de si mesmo, pois, as súas loitas, acertos e erros son os que lle confiren a identidade presente.

Observade pois cada escudo, hórreo, capela, cruceiro, muíño, fonte, ponte ou viaducto... con respecto e coa sobriedade que todo anaquiño de historia merece. Non vexades simples cheas de pedras, senón a historia que vos contan.

Aproveitade o aprendido para aplicalo e ver a gran riqueza que ata o de agora pasaba desapercibida aos vosos ollos.


 Tedes a fortuna de vivir nun pobo cunha extensa e arraigada historia, coñecédea, descubrídea, aproveitádea, gozádea...



Non esquezades que hai que coñecer para comprender!
E que, tanto máis se coñece e máis se comprende, máis se "vive"





No hay comentarios: