martes, 28 de enero de 2020


24 de Xaneiro

Urxe cambiar os nosos hábitos!

É larga a lista de danos globais herdados da acción humana desmedida e sen control levada a cabo ao longo do século pasado e que urxe agora emendar, no século XXI, antes de que as consecuencias sexan irreversibles.
A atmosfera e os océanos quentáronse o cal favoreceu que as masas de xeo e neve diminuísen e en consecuencia o nivel do mar aumentase 3-4 mm ao ano (e irá incrementándose mais rápido nas próximas décadas perxudicando en maior medida ás illas Canarias e ás cidades do litoral mediterráneo).
Segundo as previsións científicas:
- As ondas de calor serán severas e frecuentes (no verán as temperaturas poderían subir ata 4,5 graos)
- As tormentas serán máis longas e violentas (alimentadas polo incremento de evaporación dos mares debido ao seu quecemento) provocando inundacións inusuais, (nas últimas décadas as tormentas con 200 Km/ h duplicáronse e as de 250 km/ h triplicáronse)
- As sequías serán prolongadas, coa consecuente repercusión na agricultura e a produción de alimentos, ou nos incendios
- As perdas de biodiversidade serán considerables (por exemplo nestes momentos xa os osos polares no ártico ven derretirse o seu hábitat natural e as aves migratorias non poden seguir os fluxos de temperatura aos que estaban habituados).

Un momento da súa intervención co alumnado de 2º
A conclusión é evidente debemos cambiar urxentemente o noso modelo de desenvolvemento. Da nosa responsabilidade e a dos gobernos falouse en Madrid durante a Conferencia das Nacións Unidas do Cambio Climático 2019 ( COP25)
Alí concluíuse unha vez máis que, salvar o noso planeta depende de todos e cada un de nós: maiores, menores e máis pequenos. E como “nunca se é demasiado pequeno para marcar a diferencia”, (recordábanos Greta Thumberg), debemos educar cidadáns conscientes do impacto dos nosos hábitos diarios e comprometidos coa urxente necesidade de cambio. Esa necesidade xa a coñecen moi ben os alumnos do colexio que, esta semana, recibiron a visita de Dinoseto e Dinosetiño para lembrarlles que o planeta conta con todos eles para poder respirar tranquilo as próximas décadas!

Todos xuntos repasaron dun xeito moi divertido as normas das 3R por unha cidade máis limpia e un mundo mellor para todos!
Estiveron moi atentos e repasaron moi ben todo o que xa sabían, de modo que podemos estar tranquilos porque serán, de seguro, uns cidadáns exemplares que asimilarán na súa vida cotidiana todas as medidas urxentes polas que agora se clama.



No hay comentarios: