sábado, 23 de abril de 2011

ENCONTROS PLAMBE 2011


Reseña sobre os Encontros do PLAMBE redactada e cedida por Mónica Muñoz do ceip Frián-Teis no seu Blog "O lar de Frianciño" 

O venres día 8 de abril participamos nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2010/2011.

O Encontro comenzara xa o día 7 (nesta sesión só foron convocados os centros de nova incorporación). 

O venres resultou un día intenso: fomos recibidos polo Conselleiro de Educación e polos señores Mira (Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa) e Pinal, (Director Xeral de Centros e Recursos Humanos).

A continuación, Teresa Mañá e Mónica Baró faláronnos sobre un tema fundamental para planificar correctamente o noso traballo: a avaliación. Unha tarefa que, na teoría, está sempre presente. Pero que, na práctica adoitamos cosiderar un trámite burocrático ó que non lle damos a importancia que merece. 

Con grande meticulosidade, explicáronnos o proceso que levaron a cabo para estudiar as boas prácticas na integración da biblioteca escolar nos centros educativos. Esta experiencia está recollida na publicación do Ministerio de Educación e da Fundación Germán Sánchez Ruipérez titulada Bibliotecas escolares "entre comillas", que coñecimos o ano pasado en Fraga cando fomos recoller o noso Premio Nacional de Boas Prácticas en Bibliotecas Escolares. 

Logo, déronnos información sobre o traballo que están realizando na actualidade: un cuestionario de avaliación das prácticas na biblioteca escolar que están preparando para o Ministerio, e que, sen dúbida, nos será de grande axuda para orientar o noso traballo. 

Tras o café, sesións simultáneas sobre Literatura en Imaxes. Ademais das experiencias de distintos centros do noso colectivo que traballan co vídeo e a banda deseñada, poidemos aprender un montón de cousas sobre o cómic e a súa historia da man de Kiko Dasilva

Durante a comida, disfrutamos do marabilloso día, e aproveitamos para coñecer a novos compañeiros e compañeiras, e saudar a xente da que facía anos que perdéramos a pista. 

As sesións da tarde comezaron coa xuntanza por zonas. Escoitar os problemas e as aspiracións de cadaquén é gratificante, porque nos demostra que non estamos sós e que son moitos os que participan das nosas inquedanzas e das nosas angueiras. 

Por último, recibimos un fermoso agasallo. A presenza de Xosé Neira Vilas, quen nos contou anécdotas entrañables da súa vida. Coa súa retranca e o seu bo humor, coñecimos de primeira man retazos da súa biografía; a súa xenerosidade e entrega na divulgación da lectura; a súa relación con Anisia Miranda, a súa compañeira da alma; a súa loita por demostrar que "esta esquina de aquí ten un un idioma de seu e unha literatura de seu".

Grazas a todas as persoas que fixeron posible, co seu traballo, estes magníficos Encontros: ós ponentes, polo seu esmero e rigurosidade; a Cristina e Pilar, por comandar "contra vento e marea" este buque das Bibliotecas Escolares de Galicia; e a todos eses asesores, asesoras e colaboradores que, coa súa labor silenciosa, nos foron facilitando o traballo a todos (Consuelo, Nati, Teresa, Chus, Javier, Loli, Ánxela, Gabriela e Leonor).

Por último, quero dar tamén as grazas a Loli Lago (O Segrel do Penedo, do IES de Fene) e a Emilio Roca (IES Pedra da Aguia), por ser máis previsores ca nós e estar sempre preparados coa súa cámara de fotos para deixar constancia de todo o que ocurre. Podedes verificalo neste álbum de O Segrel do Penedo

Os magníficos materiais poden consultarse neste enlace da páxina web de Bibliotecas Escolares de Galicia. 

No hay comentarios: