martes, 15 de abril de 2025

 10 Abril

Contacontos e recomendacións lectoras de Ángeles Escribano para o "Día do Libro"

Estas semanas, a nosa compañeira Ángeles Escribano fixo un oco na súa
axenda para realizarnos unha visita e traernos novas e interesantes suxestións de lectura e novas sesións de contacontos, apoiada polos seus inseparables axudantes "Igor" e "Albert", amantes ambos da lectura e especialmente dos contos.

Multitude de obras foron saíndo da súa maleta impregnando o ambiente de enigmas, diversidade cultural, misterio, amor pola natureza, poesía... Un complexo mundo no que cada asistente puido atopar un novo título co que alimentar a súa paixón.

De modo interactivo e cos seus complementos especiais fixo un percorrido polas lecturas máis chamativas para os distintos ciclos.

Comezou cun Kamishibai moi especial, para lembrarnos os pasos previos imprescindibles a seguir para poder gozar dunha boa lectura. Seguiu cunha choiva de ideas sobre as razóns importantes para ler que tiñan os asistentes. E finalizou cunhas propostas literarias que engancharon a maiores e pequenos.

Puxo a proba a imaxinación dos maiores e captou a súa atención:

- plantexándolles algunhas das propostas da colección Enigmas: "Desafía tu mente con 25 historias de misterio", "Enigmas del mundo", "Enigmas del cuerpo humano", "Enigmas de Ciencia", "Enigmas de Arte", "Enigmas de miedo", "Enigmas de historia", de Víctor Escandell,

-con travesías inesquecibles desde a Antigüedad ata os nosos días e viaxes por algúns dos pobos máis asombrosos da terra, contemplados nas obras: "Rutas" e "Tribus" de Sam G.C. y Raquel Martín,

- e con literatura para coidar o planeta: "Música en las ramas" (Premio Ala Delta 2021) , "Los mapas del Agua" (Premio Anaya 2024), ambos de Ricardo Gómez, o "La calle de las doce lunas" del creador de "Los futbolísimos ", Roberto Santiago y escrito por VV.AA.

-lecturas animadas, como "37 tortugas" , de Pedro Albo

-e, naturalmente, con poesía de Juan Carlos Martín Ramos: "Versos para contar estrellas" o "Las palabras que se lleva el viento".

Aos lectores de segundo ciclo, entusiasmoulles coa colección ilustrada dos mitos clásicos grecorromanos máis coñecidos: "Los enigmas de la esfinge", "La terrorífica medusa", "El minotauro y el laberinto"..., de Ricardo Gómez

Aos lectores de primeiro ciclo, introduciunos no mundo da beleza depositada en cada recuncho do mundo coa obra "Maikai", de Cristina Expósito Escalona.

Aos máis pequeniños, animounos a ler, solicitando o seu apoio e facéndolles protagonistas coas marionetas da historia "¡Yo no he sido!", de Christian Voltz, "¿Ahora qué va a pasar?", de Nuria Díaz Reguera e "71 ovejas", de Pablo Albo.

Aquí podedes ver algúns momentos da súa visita:


Moitas grazas, Ángeles, por seguir animándonos a viaxar, aprender e emprender coa lectura!


domingo, 13 de abril de 2025

 10 Abril

Emma e Laura trouxéronnos "Bonitas" a "Cóntoche un conto?"

Coa obra de Stacy McAnulty, "Bonitas", Emma e Laura (3º), lembráronnos hoxe, que a nosa beleza non reside no noso exterior senón nos nosos actos e nas nosas palabras: na súa nobreza, a amabilidade con que son ditas, o loable obxectivo con que son realizados...

Son eses aspectos os que nos fan únicos e diferentes aos demais. Non o noso estilismo ou a nosa maquillaxe. Moitas grazas, Emma e Laura por estes interesantes momentos. Esperamos volver tervos moi pronto contándonos novas historias.


domingo, 6 de abril de 2025

 4  Abril

Celia e Antía contáronnos "De que cor é un bico"

Na súa sesión de "Contoche un conto?", léronnos esta
divertida historia de
Rocío Bonilla na que a súa protagonista, Minimoni, tenta averiguar de que cor ten que pintar un bico. Bueno, mais ben, tenta facer que nós o averiguemos, pois ela non o ten moi claro ata que lle pide axuda a súa nai.


Si queres saber de que cor son os bicos da súa mamá, non dubides en leer este divertido conto que tes a túa disposición na Biblioteca.

Moitas gracias Antía e Celia pola vosa constante colaboración. Esperamos xa, con ilusión, a vosa próxima sesión.

jueves, 3 de abril de 2025

 3 Abril

Francisco Castro, no Club de Lectura de Adultos

Chegou a data esperada!

Este próximo venres11 de abril, terá lugar a sesión do "Club de Lectura de Adultos", dirixido pola profesora María, e que terá como invitado especial a  Francisco Castro, o autor da obra elixida para esta data:  "Últimas noticias de Sara Silva".  
Así pois: 
Estades tod@s invitad@s a esta especial sesión, na que poderedes coñecer e compartir as vosas opinións co mesmo autor!


Obra: "Últimas noticias de Sara Silva"
Autor: Francisco Castro
Data: este próximo Venres, 11 de Abril
Hora: 17:00 h
Lugar: Biblioteca de Leolo

Esperámosvos!



martes, 1 de abril de 2025

 

 31 Marzo

Climarest: Ante a desolación presente, un raio de esperanza para o futuro do Bogavante da Ría de Vigo

O proxecto europeo Climarest pretende recuperar o
bogavante da ría de Vigo.

O cambio climático e, sobre todo a sobrepesca, ameazan con facerlle desaparecer das nosas augas. Como xa lle ocorreu á langosta, reclamo de turistas e científicos e desaparecida das augas das illas Cíes na década dos 80.

Según o videógrafo José Irisarri, a desaparición desta especie simbólica da nosa ría, debía servir de alerta sobre a enorme fraxilidade da biodiversidade ante a sobrepesca. E en consecuencia, debería actuarse para que o erro non se repita.

Podedes ver un artigo completo en La Voz de Galicia do 31 de Marzo de 2025. 

Aquí podedes ver o vídeo de José Irisarri sobre o bogavante, os seus costumes e a súas peculiares necesidades.

O mesmo videógrafo, José Irisarre, ilustrou co seu cámara o desastre do arrecife de "El Borrón", das Illas Cíes.

O que, fai uns anos, era un denso bosque de anémonas, refuxio de múltiples especies e mecanismo fundamental para manter o equilibrio do ecosistema, é hoxe un roquedal espido no que as especies que o habitaban desapareceron.

O mesmo José Irisarre documéntao no seguinte vídeo:

https://youtu.be/A0YThmyffqM

E, no seguinte vídeo, de novo con José Irisarre,  podedes botar unha ollada ao pasado paradisíaco que eran as illas Cíes, e o espectacular habitante que lle servía de reclamo: a extinta langosta da ría de Vigo.

https://youtu.be/Iw38NjegwZk

Proxecto Climarest: Ante a desolación do presente, un raio de esperanza para o futuro!


domingo, 30 de marzo de 2025

27 Marzo

Un gran reto para o Club de Lectura!

 O Club de Lectura da profesora María, iniciou unha gran aventura co seu novo libro: "El gran juego" de Carlo Frabetti.

Decidiron compartir a experiencia de Leo, un apaixonado dos xogos de enxeño que se ve atrapado nunha insólita invitación! Cada día, ha de poñer a proba a súa capacidade científica e o seu enxeño para superar os obxectivos que "alguén" especial exponlle na súa pantalla.
Só parece un xogo pero, que se esconde detrás dese gran xogo? Que consecuencias teñen as, aparentemente inocuas, decisións de Leo? Que ocorre realmente a miles de quilómetros de distancia, con cada un dos seus movementos virtuais? O Club de Lectura xa ten un novo reto: Descubrir que hai detrás do gran xogo! Unha historia ficticia pero cun gran transfondo real que pode ter lugar en calquera lugar, en calquera momento desta era actual no que a tecnoloxía mal usada pode converterse no peor inimigo dunha humanidade que busca a harmonía e a paz na súa convivencia.
Ánimo Club, a polo gran reto!

viernes, 28 de marzo de 2025

 21 marzo

Nova sesión de "Contacontos de Familias"

Este venres, Aloia e a súa
mamá, Patricia,
deleitáronnos coa obra de Andrés Pérez
Coello: "Ciudad
Riquísimo". Un conto moi especial cuxo protagonista, ( Pepi, un espagueti moooi longo cuxo soño era ser un heroe como

Spiderman), comproba como, sen necesidade de realizar grandes heroicidades, senón simplemente axudando cos seus pequenos xestos xenerosos a todos aqueles que se cruzan no seu camiño, pode sentir unha gran satisfacción e alegría. A súa solidariedade con todos aqueles que sofren un hándicap que lles impide lograr os seus desexos, sérvelle a
el para lograr o seu: ser un heroe para o
resto de habitantes de Ciudad Riquísimo,
nos que a súa axuda deixa unha gran pegada.

Ao rematar a sesión, o público máis menudo
disfrutou cunha divertida actividade na que
puideron crear máscaras para converterse
en auténticos heroes e tamén, colorear aos protagonistas da historia.


Moitas grazas,
Aloia e
Patricia, por esta didáctica sesión que nos lembrou o importante que é sempre a nosa solidariedade, e sobre todo, cando con ela axudamos aos demais a esquecerse das súas diferenzas.



lunes, 24 de marzo de 2025

 21 Marzo

"¿Qué es el amor?"

Celia e Antía, de 5º, contáronnolo hoxe en "Cóntoche un
conto
", gracias á obra de Davide Cali.

Papá, mamá, o avó e a avoa comparten con Emma a súa visión persoal do amor: é algo que se abre moi amodo, que chega sen avisar, tenro e aromático, que che acende o corazón, doce, que che fai ser atento e compartilo todo... pero a pesar das súas claras descricións, Emma segue sen ter moi claro o que é o amor! Se ti, do mesmo xeito que Emma, desexas saber que é e non puideches asistir a esta divertida sesión, podes animarche a descubrilo por ti mism@ lendo esta fermosa historia que tes á túa disposición na Biblioteca. Moitísimas grazas Celia e Antía por regalarnos estes entrañables momentos!

Esperámosvos pronto cunha nova historia!


sábado, 15 de marzo de 2025

 13 marzo

"Camuñas" en "Cóntoche un conto?" Lea e Nora, trouxéronnos hoxe

a historia de Margarita del Mazo:

"Camuñas".

Un bruxo moi despistado que comía nenos e nunca se cortaba as uñas.
Nunca, nunca...ata que, Branca, moi
tiernamente, logra cambiarlle ese "pouco estético e hixiénico" hábito. E, ao facelo, cambia tamén a súa personalidade: xa non comerá nenos, pois agora é xa un bruxo diferente! Moitas grazas,
Lea e Nora, por esta tenra e didáctica historia.

Volvede pronto cunha nova lectura!

jueves, 13 de marzo de 2025

 13 Marzo

Chega unha nova sesión de "Contacontos de Familias"!

Atención! Este venres, 21 de Marzo, esperámosvos a tod@s
nunha nova sesión de "
Contacontos de Familias".

Debido a ser non lectivo o venres 28, adiántase a sesión ao Venres 21 de marzo!

Lembrade, temos unha cita:

Data: Venres 21 de Marzo

Lugar: Biblioteca de Leolo

Obra: "Ciudad Riquísimo"

Autor: Ilan Brenman

Non faltedes! Vémonos!!

 12 marzo

O secreto das princesas xa non está a salvo!

Laura, Emma e Uma descubriron o gran secreto das princesas lendo a obra de Ilan Brenman: "Las princesas también se tiran pedos". E, elas, contáronnolo hoxe en "Cóntoche un conto?". E é que, ata as persoas perfectas coas vidas máis perfectas teñen sempre algún secretillo! Se queres comprobalo por ti mesmo, non dubides en tomar prestado este divertido conto na Biblioteca. Moitísimas grazas Laura, Emma e Uma por compartir connosco este divertido momento! Esperamos volver escoitarvos pronto cunha nova obra!.


sábado, 8 de marzo de 2025

 7 Marzo

Semana da Prensa na Biblioteca

Con motivo da Semana da Prensa, a Biblioteca quixo facerse eco das noticias máis rechamantes da actualidade. Para iso, cun peculiar cartel, convidou ao alumnado para descubrir o que para eles resultou máis curioso, absurdo, extravagante, sublime, inefable... dos comportamentos ou eventos humanos narrados ou vistos nos medios de comunicación.
Un modo de
ver e valorar como viven
e como perciben eles, o mundo que se nos mostra cada día a través das noticias de recente actualidade.

Esta semana que se celebrou por vez primeira en Galicia no ano 1989, pretende lembrar na aula a importancia do xornalismo.
E, como característica inherente ao mesmo, debemos aproveitar, tamén, para mostrar ao alumnado a importancia de distinguir entre o auténtico xornalismo e o pseudoxornalismo emerxente, no que os titulares sensacionalistas contan máis que as auténticas noticias en si, xa que o importante é chamar a atención e vender a noticia. Porque o xornalismo é importante, debemos ser estritos e nobres á hora de comunicar, para que a información vertida sexa auténtica, fiable e útil para a sociedade que a comparte.




 

martes, 4 de marzo de 2025

 28 Febreiro

Un "Contacontos de Familias" como broche de ouro para rematar o mes de Febreiro 

Este venres, 28, Sophia e a súa mamá Andreína puxeron o broche de ouro a un mes de febreiro cheo de actividades e celebracións. Para a súa sesión de "Contacontos de Familias", elixiron unha entrañable obra de Ramón Loureiro: "O peixe de pedra". Unha divertida obra que nos relata a divertida aventura do peixe de pedra na súa viaxe desde "as illas do Norte, contravindo as leis dá física", ata atopar aos 5 príncipes herdeiros. Ao finalizar a lectura, Sophia e a súa mamá sorprendéronnos a todos cunha orixinal actividade manual que finalizou sendo un divertidísimo xogo! Un xogo que enfrontou a todos en alegre competición: pequenos e maiores! Primeiro competiron por compartir o aplauso os máis pequenos, despois os pequenos contra as súas proxenitoras e, por suposto, finalmente tamén tivo lugar unha competición entre as proxenitoras animadas polos alegres berros de ánimo dos seus fillos respectivos! Moitísimas grazas, Sophia e Andreína, por unha tarde tan divertida e inesquecible! Esperamos seguir contando convosco nas próximas sesións!!

Moitas grazas tamén a todos o asistentes que fixeron un esforzo por asistir a esta divertida e didáctica sesión, compartindo a alegría e ambiente festivo da sesión!

Aquí vos deixámosvos un breve resumo da sesión:





 20 Febreiro

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Con motivo do
Equipazo del CSIC que nos ha visitado
Día Internacional da Muller e a Nena na
Ciencia,
(12 de Febreiro),
convidamos ao CSIC ( Consejo Superior de Investigaciones Marinas), a facernos unha visita para coñecer un pouco máis o mundo mariño e, en especial, a nosa ría de Vigo, que é o noso proxecto eixo deste curso. Un fantástico e ilusionado equipo de científicos pecorreu o noso colexio transmitindo asombro e coñecementos ao noso ansioso alumnado. Compartiron o seu saber e experiencia a través de múltiples actividades, transformando as aulas en sesións de contacontos (para os máis chiquitines), laboratorios, talleres... Mentres nos axudaban a coñecer mellor a flora e fauna da nosa ría, a reciclaxe e a valorización dos residuos, ou nos falaban de biogeoquímica mariña, os nosos alumnos e alumnas puideron sentirse como auténticos submarinistas científicos provistos cos seus equipos completos de mergullo, (traxe, aletas, botella de osíxeno, regulador, os seus pesos adicionais...), ou investigadores nun laboratorio equipado cos seus potentes microscopios, ou analizar partes reais do rei dos mares: unha quenlla!... En definitiva, puideron sentirse científicos por un día! Moitísimas grazas Equipazo do CSIC por transmitirnos a vosa ilusión e por proporcionarnos unha inesquecible xornada da Muller e a Nena na Ciencia! A vosa presenza deixou pegada en todo o noso alumnado. Sen dúbida seredes os responsables de sementar en moitos deles o seu interese por un futuro científico!

Moitas grazas Luísa, Jaime, Ana, Rebeca Paola, Patricia, Laura, Lucía e Clara pola vosa gran achega ao mundo da Ciencia e a gran experiencia que nos fixestes vivir nesta intensa xornada!!

Aquí vos deixamos un moi breve resumo en imaxes da xornada vivida:



 23 febreiro

Día de Rosalía de Castro na Biblioteca

Un ano máis, a nosa Biblioteca encheuse de poesía para conmemorar o nacemento da autora con máis representación na literatura galega.

Foron necesarios dous días de recital para poder facer un oco ao numeroso alumnado que acudiu á chamada para render homenaxe á gran escritora e poeta. 


Lectores perfectamente organizados en gran grupo ou a dúo, recitando poesías
pouco coñecidas ou universais como
 "Adeus ríos, adeus fontes...", crearon
un ambiente cálido e emotivo que deixou patente que a obra de Rosalía deixou
unha importante pegada que non se
desdibuxa nin se borra co paso do tempo.

Grazas a todos os participantes que, coa vosa presenza e a vosa ilusión, lograstes facer desta xornada un acto tan especial!

E, grazas tamén aos equipos de Dinamización e Tics que colaboraron achegándonos o poemario, e un orixinal agasallo de Rosalía para obsequiar a todos os participantes, como recordo desta xornada.